20 jun 2012

blog denuncia do feísmo e canibalismo urbanístico


Para os que non teñan ou non utilicen o Facebook créase este Blog, no que se quere denunciar cómo o ser humano está levando a cabo, dende hai décadas, un proceso de depredación do territorio, sen sensibilidade, sen respecto polos antepasados nin polo medioambiente.

Tradicionalmente, o ser humano foi colonizando o territorio herdado e modelándoo para ir cubrindo as súas necesidades, é dicir, para se protexer das inclemencias metereolóxicas, para comer ou durmir, para sementar, para ter animais domésticos, etc..

Así nace a Arquitectura Tradicional, que utiliza os materiais do lugar ou de lugares non afastados, como a pedra, como a madeira, e sen ánimo de aparencia nin de ser máis qué. As dimensións, as proporcións, a utilización racional dos materiais leva consigo centos de marabillosos exemplos de vivendas, muíños, etc.. adaptados á escala humana.

Mesmo na arquitectura de autor (estacións de camiño de ferro, mercados, etc..), os arquitectos e enxeñeiros amosan unha sensibilidade coa escala e coa contorna.

Coa chegada dos materiais revolucionarios (o cemento, o ladrillo, o aluminio, os plásticos,..) e a maquinaria (escavadoras, camións, etc..), e coa volta dos emigrantes -que estiveron en países coidados pero non tomaron nota de nada do que viron-, o ser humano sentiuse máis forte que a natureza, podendo realizar accións en contra da vontade do medioambiente, utilizando a forza.

Aparecen os adefesios, as agresións ao medio, as construcións fóra de escala, as intervencións brutas no patrimonio construído,.. Non me vou estender máis, so con ver as fotos xa se ve a qué me refiro.

Grazas polo voso tempo, O Autor

No hay comentarios:

Publicar un comentario